- A Consellería do Mar defende no cumio de Dubái que esta auténtica revolución tanto nos procesos como na capacidade dos buques debe realizarse dunha forma realista e asumible polo sector, acompasando o respecto ao medio coa competitividade
- O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica sinalou que tras definir a nova tecnoloxía propulsora e contar con mariñeiros preparados para operala, o gran reto e a súa implementación, o que na comunidade galega afectará a 4.200 barcos
- Entre os retos en materia de gobernanza a Xunta manifestou como os principais retos adaptarse ao cambio climático no marisqueo e a acuicultura e tamén introducir a necesidade dun novo modelo de xestión das cotas para a pesca extractiva
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou hoxe en Dubái no foro sobre ‘Océano-Clima-Sociedade: a CMNUCC e a mitigación, adaptación, financiación e creación de capacidades dos océanos’ que se celebrou dentro do marco da Conferencia das Partes da Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC), tamén coñecida como COP28, cita que se iniciou o pasado 30 de novembro e que se estenderá ata o próximo día 12 de decembro na que se aborda a emerxencia climática global e os seus diferentes impactos na sociedade.
O responsable da Consellería do Mar foi o único representante dunha Administración española que participou neste encontro específico onde se analizou a afectación destes cambios aos océanos e as comunidades que deles viven, como é o caso se Galicia, abordando co relatorio Perspectiva de gobernanza e descarbonización do sector pesqueiro os pasos que se están a dar desde a comunidade tanto pola Xunta como polos actores do sector marítimo-pesqueiro á hora de avanzar nun proceso de descarbonización da frota que debe ser realizado de forma realista e asumible.
O director Xeral de Pesca defendeu que Galicia pretende avanzar dentro do proceso que se abriu na Unión Europea co obxectivo de descarbonizar a actividade pesqueira para 2050, no que, nembargantes, existen una serie de condicionantes esenciais que se están a analizar polo miúdo na comunonidade autónoma. O primeiro é a necesidade de contar cunha tecnoloxía axeitada á que mudar os motores que hoxe funcionan a diésel e gasolina.
Neste ámbito estase a traballar xunto coa Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e a Fundación MarinnLeg nun informe que analizará as posibilidades que teñen os buques galegos de avanzar neste camiño de forma gradual e efectiva.
O segundo dos condicionantes é o da formación necesaria para os tripulantes dos buques, e aquí desde a Xunta colabórase coa Escola Técnico Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña (UDC) co fin de avanzar nas necesidades que van a xurdir debido a este proceso.
O terceiro dos puntos de atención será o da implementación dos cambios, o que podería afectar á capacidade dos buques e que en Galicia, onde se atopa a maior frota pesqueira da UE, obrigaría a actuar sobre 4.200 barcos, o que non será tarefa doada.
Neste foro da ONU o obxectivo do Executivo autoinómico é o de deixar claro que desde Galicia se é proactivo e se está a traballar desde xa para adaptarse á descarbonización da frota, pero que antes deben solucionarse os escollos citados e, seguidamente, desde a Comisión Europea deben poñerse sobre a mesa os recursos financeiros necesarios para incentivar e impulsar esta revolución tecnolóxica.
Adaptarse en termos de gobernanza
Antonio Basanta expuxo que Galicia ten tamén dous grandes retos en termos de gobernanza. No caso da acuicultura e o marisqueo está o impacto dun cambio climático do que se están a ver as consecuencias, polo que se tratará de aproveitar todo o que a ciencia poida aportar, especialmente en canto á adaptación das especies ao medio.
En canto á gobernanza pesqueira, o director xeral sinalou que será necesario adaptar tamén a xestión das cotas, pois estase a apreciar un desprazamento cara ao norte das posibilidades de pesca que fan necesarios cambios tamén neste ámbito.
O encontro sobre os océanos dentro da COP28 foi moderado por Matt Frost, que preside a Asociación sobre os Impactos do Cambio Climático Mariño e é o xefe da Oficina Internacional do Laboratorio Mariño de Plymouth. O resto de relatores proceden de Nacións Unidas, da FAO, Blue Marine Foundation, Commonwealth, Global Ocean Trust ou do BNP Paribas, entre outros organismos.