Galicia aborda o porvir da súa frota no proceso de transición enerxética nun obradoiro da Comisión Europea sobre innovación e tecnoloxía en Bruxelas

  • A Xunta traballa en favor dun marco que permita aos pesqueiros adaptarse de forma gradual ao uso de novas fontes enerxéticas no entorno actual de descarbonización
  • O director xeral de Pesca sinalou que ningunha outra rexión da UE ten por diante un reto tan grande, pois ningún outro país europeo se achega aos seus 4.200 barcos
  • Antonio Basanta demanda neste foro da UE unha distinción, recoñecemento e alicientes aos profesionais do mar galegos pola seu compromiso na loita contra o cambio climático que os distinga de aqueles que non amosan este respecto
  • Pon en valor o traballo que se desenvolve xunto co sector e entidades como o clúster Aclunaga, Fundación MarinnLeg e a Universidade da Coruña para cimentar a transición   

A Xunta de Galicia aposta por continuar avanzando nun proceso de descarbonización da frota que é necesario realizar de forma gradual, asumindo este reto de forma realista para que sexa asumible polo sector. Así o sostivo este mércores en Madrid o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que participou nun obradoiro sobre Innovación e Tecnoloxía organizado pola Asociación para a Transición Enerxética (ETP), plataforma que puxo en marcha a Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE). 

Na cita o responsable galego aproveitou para introducir unha derivada que complementa á necesidade de que os cambios atendan á realidade do sector e se acompasen ás súas posibilidades de acometelo: os profesionais do mar galegos, que están comprometidos con pescar máis e mellor, coa sustentabilidade e coa loita contra o cambio climático, a transición enerxética e toda a mellora da parte ambiental ten que ter unha distinción, recoñecemento e alicientes con respecto a aquelas frotas que non fan ese traballo.     

Este encontro foi o segundo taller auspiciado pola DG MARE tras un primeiro obradoiro que, celebrado a finais de novembro de 2023, abordou as finanzas da descarbonización. Nesta ocasión, o representante da Consellería do Mar e os participantes de diferentes rexións comunitarias de toda a UE aproveitaron para abordar as oportunidades actuais de innovación e tecnoloxía dispoñibles para a transición enerxética, incluíndo as innovacións en engrenaxes e motores así como a utilización de combustibles alternativos.

Tamén se exploraron e identificaron as fendas tecnolóxicas e de I+D+i existentes na actualidade e as posibles solucións en áreas da investigación que afectan aos sectores da pesca e a acuicultura neste tránsito cara ao futuro novo modelo. Un camiño no que Galicia e o seu sector marítimo-pesqueiro pretende explorar as distintas posibilidades de colaboración e as posibles sinerxias para propiciar este cambio gradual. 

As conclusións do debate en foros como o celebrado na sede da DG Mare en Bruxelas  servirán como base para a elaboración dun documento que recollerá os problemas, desafíos, oportunidades e achados máis importantes que contribúan ao deseño da folla de roteiro para acadar a descarbonización na pesca e na acuicultura da UE no ano 2050.

Neste contexto, Antonio Basanta volveu a recordar que Galicia conta coa maior frota pesqueira da UE, con 4.200 barcos, sinalando que este proceso non pode derivar nun impacto lesivo á capacidade de pesca dos buques. Por iso hai que dar pasos como o de definir, en primeiro lugar, a tecnoloxía axeitada á que mudar os motores que hoxe funcionan a diésel e gasolina cunha tecnoloxía axeitada á que mudar os motores que hoxe funcionan a diésel e gasolina. Un ámbito onde a Xunta traballa xa xunto á Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e a Fundación MarinnLeg, co fin de avaliar as posibilidades da frota galega de avanzar na transición enerxética, pero facéndoo sempre con sentidiño, sen afectar a súa sustentabilidade e rendibilidade.

Tamén se traballa coa Escola Técnico Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña (UDC) para anticiparse ás necesidades que xerará esta remuda en materia tecnolóxica dentro dos barcos de pesca en ámbitos como o da formación dos tripulantes.