Desde a praza compostelana animase a consumir peixe polos seus beneficios á saúde e o impulso que xera na actividade do sector marítimo-pesqueiro

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, achegouse esta mañá á Praza de Abastos de Santiago para visitar as peixerías da capital de Galicia alí presentes e destacar xunto aos profesionais que se encargan da venda de peixes e mariscos a importancia do seu consumo tanto polos beneficios para a saúde que aporta como polo positivo impacto que se xera no sector marítimo-pesqueiro galego, unha cadea extractiva, transformadora e comercial da que viven arredor de 50.000 persoas na comunidade autónoma. 

Durante a súa visita ao mercado santiagués o titular de Mar entregou os carteis da campaña que aposta por AMAR GALICIA e que lanza claros mensaxes sobre a confianza na calidade dos produtos do mar, sobre a variedade e o sabor que se ofrece en peixerías e mercados e sobre o fundamental apoio que supón adquirir a produción dos milleiros de familias que viven do mar e as súas industrias na comunidade. Con esta acción de promoción preténdese dignificar aos profesionais do conxunto da cadea mar-industria e defender os mellores alimentos do mundo, unha iniciativa que debería completarse, reitera o conselleiro, por parte do Estado eliminando dunha vez o veto que mantén á rebaixa do IVE aos produtos do mar que si desfrutan outro tipo de alimentos.