- O visor, denominado Mar-Plan, permite visualizar a actividade marisqueira, acuícola e pesqueira en termos socioeconómicos ao longo do litoral galego
- A versión preliminar, con información compilada polo Centro Tecnolóxico do Mar e a Consellería do Mar, estará operativa en decembro
Unha nova ferramenta que permite visualizar a actividade marisqueira, acuícola e pesqueira en termos socioeconómicos ao longo do litoral galego servirá de apoio á toma de decisións da ordenación espacial mariña en Galicia. O visor, deseñado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, estará operativo na súa versión preliminar en decembro.
Ademais da información sobre a cantidade e o valor de produción dos polígonos bateeiros, dos bancos marisqueiros ou da pesca por artes nos diferentes portos base, a ferramenta inclúe información relativa ao Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (Real Decreto 150/2023) aprobado polo Ministerio da Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e que establece zonas de alto potencial e usos prioritarios no espazo marítimo galego.
O visor, denominado Mar-Plan, informa a maiores sobre aquelas condicións ambientais das zonas de alto potencial para a acuicultura e que son relevantes para valorar a idoneidade da instalación de cultivos mariños.
A ferramenta xa foi presentada nun taller de traballo a técnicos da Consellería do Mar, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), e do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) co fin de testar o seu funcionamento, valorar a información que ofrece e recoller suxestións cara a súa mellora.
A información dispoñible en Mar-Plan, recompilada pola Consellería do Mar e procesada mediante a análise de datos masivos, complétase cunha pestana de estatísticas onde é posible consultar as cifras de produción de forma sinxela.
Os técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar esperan recibir novas contribucións que permitan optimizar a ferramenta e ampliar a información que verte nos talleres previstos nas vindeiras semanas, como o previsto o 5 de decembro e centrado no sector da acuicultura.