Burela blinda o seu porto contra o cambio climático

  • A Xunta destina 1,8 millóns de euros para reforzar o dique de abrigo do porto de Burela, clave na venda de peixe en Galicia.

O porto de Burela, un dos motores económicos do sector pesqueiro en Galicia, prepárase para afrontar os desafíos do cambio climático cunha obra de reforzo estrutural sen precedentes. A Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia, adxudicou un proxecto de 1,8 millóns de euros para a adaptación e mellora do dique de abrigo, co obxectivo de garantir a seguridade e operatividade do porto nun contexto de aumento do nivel do mar.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presentou en Burela os detalles desta actuación, que contempla a instalación de 160 bloques de formigón de 56 toneladas cada un para reforzar as zonas máis vulnerables do dique. Este porto, que move preto de 60 millóns de euros anuais na lonxa e alberga un centenar de embarcacións, é o de maior volume de negocio de titularidade autonómica en Galicia.

Os traballos, cun prazo de execución de 22 meses e finalización prevista para finais de 2026, buscan fortalecer estrutúraa fronte ao impacto da ondada e as inclemencias climáticas. A metade dos bloques colocarase desde terra, mentres que o resto requirirá o uso dunha pontona e un guindastre de máis de 500 toneladas, nunha operación de alta precisión técnica.

Este reforzo está deseñado cunha visión de longo prazo, calculando a súa resistencia #ante o incremento do nivel do mar proxectado para o horizonte 2100. Así, a Xunta non só aposta por mellorar a infraestrutura actual, senón por garantir a viabilidade do porto de Burela nun futuro onde o cambio climático será un factor determinante.