O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou este mércores en Mahón, Menorca, nas mesas de traballo do ‘Evento Nacional WestMED Prototipos para a descarbonización de portos, buques pesqueiros e recreativos’, cita que se enmarca no debate aberto no seo da UE para definir un futuro con menores emisións e impacto ambiental da frota. Na xornada que se realizou nas Illas Baleares, e cuxas conclusións se elevarán á Comisión Europea, estivéronse analizando os múltiples puntos de vista e traballando na busca de ideas para os prototipos que sirvan para descarbonizar a frota comunitaria.
Antonio Basanta sinalou que Galicia ten moito interese, especialmente na súa frota artesanal e nos barcos auxiliares que se dedican á acuicultura, en atopar sistemas que podan substituír aos motores de combustión, como os propulsores eléctricos. Tamén se analizaron cuestións que é necesario abordar en paralelo como a electrificación dos portos ou a formación, áreas nas que está traballando xa Galicia a través da Fundación MarinnLeg, do clúster naval Aclunaga ou da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Coruña. O director xeral de Pesca sinalou desde Menorca que o resultado desta colaboración e debate cos expertos terá a súa réplica nas propostas que Galicia levará a Bruxelas dentro do European Parnertship de descarbonización.