- Alfonso Villares destacou a importancia deste tipo de compañías no subministro de equipamentos e materiais ao sector pesqueiro contribuíndo a que Galicia sexa un referente tecnolóxico neste campo
- Rotogal é un fabricante de contedores isotérmicos e produtos para manutención de rotomoldeo, propios e a medida, con maior capacidade de toda Europa con presenza internacional en máis de 40 países
- JJ Chicolino recupera, recicla e deseña redes provenientes da pesca e a acuicultura para darlles unha segunda vida fabricando produtos para a acuicultura e materias primas para os procesos industriais de fabricación
O desenvolvemento de sectores industriais sustentados no desenvolvemento tecnolóxico e na innovación é un dos piares fundamentais no desenvolvemento dunha pesca competitiva e sustentable. Así o subliñou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, durante a súa visita ás instalacións de Rotogal e JJ Chicolino, ambas pertencentes ao Grupo JJChicolino, no polígono industrial Espiñeira na localidade coruñesa de Boiro. Durante a visita, o responsable autonómico puido coñecer de primeira man o traballo que se realiza en ambos centros de produción na fabricación e comercialización de todo tipo de produtos para a pesca así como na fabricación de produtos e solucións de rotomoldeo como contedores, palés rotomoldeados isotérmicos ou boias de amarre.
O responsable autonómico destacou o potencial do sector industrial galego vinculado ao sector mariño e puxo en valor a súa contribución á competitividade e sustentabilidade do conxunto do sector pesqueiro mediante o subministro de equipamentos e materiais de última xeración. Unha actividade que fai da nosa comunidade todo un referente tecnolóxico internacional como demostra a presenza deste grupo empresarial en máis de 40 países e que, á vez, permite xerar emprego de alta cualificación e de calidade.
Alfonso Villares comezou a súa visita nas instalacións de Rotogal que iniciou a súa actividade no 2005 e que é pioneira no rotomoldeo en España. Os seus produtos e servizos céntranse en diferentes industrias como a acuicultura, a pesca, a automoción, a loxística ou calquera outro sector que precise deseñar, producir ou fabricar produtos plásticos a través desta técnica. Ademais, prestan outros servizos como o de consultaría para estudar a viabilidade para o desenvolvemento integral de novos produtos e un departamento de reparación, sempre tendo como máxima a calidade e cunha aposta decidida pola investigación e a innovación.
Posteriormente, o titular de Mar dirixiuse ás instalacións de JJ Chicolino, unha compañía con máis de 40 anos de experiencia no desenvolvemento de solucións para o sector da pesca e da acuicultura. Esta empresa recupera, recicla e deseña redes provenientes da pesca e a acuicultura, dándolles unha segunda vida, fabricando produtos para a acuicultura e materias primas para os procesos industriais de fabricación. Un modelo de negocio baseado na economía circular e na xestión responsable dos recursos que grazas ao ecodiseño dos produtos busca a súa optimización permitindo a súa reutilización e reciclaxe unha vez que remata a súa vida útil. Para rematar o conselleiro visitou a empresa Egalsa especializada na fabricación de solucións de envasado, principalmente para marisco, con presenza en mercados como o francés, o portugués ou o italiano.
Alfonso Villares puxo en valor a sustentabilidade como piar no desenvolvemento económico do futuro e os esforzos realizados polo sector pesqueiro galego e da súa industria na súa transformación tecnolóxica para compatibilizar as súas actividades económicas co respecto e coidado do medio ambiente. Un proceso que a súa vez está traendo consigo o desenrolo de novas tecnoloxías que incrementan dun xeito exponencial o valor engadido da actividade pesqueira na economía galega.
Apoio á cadea mar-industria
O responsable autonómico reiterou a necesidade de que todas as administracións se comprometan no apoio ao sector e ás xentes do mar con medidas como o apoio á rebaixa do IVE aos produtos pesqueiros. Unha decisión que permitiría dinamizar o consumo destes alimentos e que ven sustentado en informes de organismos internacionais e polos elaborados polas universidades galegas que destacan os múltiples beneficios económicos e sociais desta medida. Tamén reclamou un trato igualitario para Galicia por parte do Goberno central e que se acceda a conceder a declaración de zona catastrófica aos bancos marisqueiros ao igual que se fixo con outras comunidades en situacións análogas.