Alfonso Villares e o embaixador de mozambique valoran futuras vias de colaboración no ambito pesqueiro entre Galicia e o pais africano

  • A Xunta leva anos desenvolvendo diversos proxectos de cooperación co goberno mozambicano no ámbito da actividade pesqueira, da xestión dos recursos mariños así como no ámbito formativo 
  • O titular de Mar destacou a importancia desta pesquería na que Galicia leva operando dende hai varias décadas e no que destaca o lagostino como especie estrela
  • O Cetmar está executando un proxecto en colaboración coa Fundación Axuda en Acción para a mellora dos medios de vida e seguridade alimentaria da poboación na localidade de Namaacha 

Santiago de Compostela, 04 de decembro de 2023.- O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado pola directora do Centro Tecnolóxico do Mar- Fundación Cetmar, Paloma Rueda, mantivo un encontro co embaixador de Mozambique en España, Eugénio Agostinho Langa, no que se fixo balance dos diferentes proxectos de cooperación realizados nos últimos anos así como valorar novas vías de colaboración no ámbito pesqueiro para desenvolver no futuro. 

Alfonso Villares puxo en valor as iniciativas desenvolvidas grazas as cales se puido crear unha piscifactoría, se potenciou o desenvolvemento da pesca sostible a pequena escala e o reforzo das capacidades para mellorar o control de calidade dos produtos de pesca así como a produción de algas na rexión mozambicana de Cabo Delgado. Unha colaboración que tamén alcanza o ámbito formativo co programa para o reforzo das capacidades profesionais do sector marítimo pesqueiro a través dunha alianza entre a Axencia Española de Cooperación (Aecid), a Consellería do Mar, o Ministerio do Mar, Augas Interiores e Pesca de Mozambique e o Grupo Nova Pescanova. 

Dentro deste proxecto o Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico (IPMA) traballa coa Escola de Pesca de Matola no desenvolvemento de accións dirixidas a reforzar as capacidades formativas e técnicas do persoal docente e a apoiar o deseño e implantación de cursos de formación regrados e de curta duración. Así foi posible achegar a oferta formativa da Escola de Pesca aos estándares de calidade internacionais, reforzando as competencias formativas, segundo as necesidades de desenvolvemento e o potencial do sector así como Iniciar un proxecto piloto dun programa de prácticas.

O conselleiro destacou a importancia desta pesquería na que Galicia leva operando dende fai varias décadas, destacando a presenza do Grupo Nova Pescanova a través da súa filial Pescamar, sendo o lagostino de superficie a especie estrella, e contribuíndo a xerar na economía local máis de 1.000 empregos directos. Neste sentido, o titular de Mar valorou moi positivamente as estreitas relacións co país africano como demostra o feito de que o ano pasado a ministra de Mar, Augas Interiores e Pesca, Lida Cardoso, tamén visitara a comunidade.

Proxectos co Cetmar

Por outra banda, o Cetmar traballou no periodo 2008-2019 de forma conxunta co Instituto Nacional de Desenvolvemento de Pesca e Acuicultura (Idepa) e o Instituto Nacional de Investigación Pesqueira no desenvolvemento e implementación de proxectos de acuicultura rural e reforzo da capacidade técnica e de investigación no ámbito da pesca artesanal e acuicultura en Cabo Delgado. Grazas a esta experiencia foi posible no 2021 realizar unha misión de identificación de necesidades no sector pesqueiro e acuícola en Maputo co apoio financeiro de Cooperación Galega e a intervención da Fundación Axuda en Acción. 

Na actualidade este organismo galego e a fundación están desenvolvendo o proxecto Peixan-Mz para a mellora dos medios de vida e a seguridade alimentaria da poboación mediante o fortalecemento das cadeas de valor da pesca e a acuicultura en Namaacha. O obxectivo é contribuír á mellora das condicións de vida e a seguridade alimentaria e nutricional nas comunidades do distrito de Namaacha na provincia de Maputo. O proxecto terá un total de 1.259 beneficiarios directos e 10.515 indirectos, entre os que se atopan persoal administrativo, pescadores, comerciantes, estudantes e otros membros da comunidade.