Miño (A Coruña), 29 de novembro de 2023.- O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo delegado territorial da Xunta en A Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a Confraría de Pescadores de Miño e abordou cos seus responsables as principais necesidades dos profesionais do sector nesta localidade coruñesa. O titular de Mar destacou a complexidade da situación actual do recurso marisqueiro e informou que xa se están elaborando os informes técnicos nos que se vai a sustentar a solicitude ao Goberno central de zona de emerxencia para as zonas afectadas. Tamén sinalou que unha vez coñecido con detalle a situación que presentan na actualidade os areais procederase a tratar a planificación do resementado coa axuda dos biólogos e en consenso co sector valorando as épocas do ano máis adecuadas e as especies ou variedades máis resistentes aos episodios de baixa salinidade como os vividos este ano.
Por outra banda, o responsable autonómico analizou o comportamento que está a experimentar a lonxa miñense, na que a produción nos tres primeiros trimestres do 2023 medrou un 40,5% con respecto ao mesmo período de 2022, cun aumento da facturación que supera o 57%. Son cifras que consolidan a recuperación acadada o ano pasado, no que as descargas marcaron o mellor dato da serie histórica e a facturación a mellor cifra dos últimos 14 anos. O titular de Mar puxo en valor que desde o 2009 a Consellería do Mar investiu no municipio máis de 4,8 millóns de euros. Ademais, Portos de Galicia traballa na redacción do proxecto de dragado do porto de Miño que propiciará un investimento futuro superior ao medio millón de euros. Un compromiso orzamentario que tamén alcanzou á confraría cun investimento de preto de 3,5 millóns.