Alfonso Villares destaca o papel de empresas como Vitalmar e de grupos como Proinsa na dinamización da economía e o emprego nos lugares onde se implantan

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe o cocedoiro de mexillón de Vitalmar dentro da rolda de visitas a empresas e organismos do sector marítimo-pesqueiro galego e que xa o levara a ver as instalacións e bateas do grupo Proinsa -ao que pertence a empresa- en Lorbé, destacando a gran importancia e o relevante volume de emprego que xeran estas empresas nos lugares onde están implantadas. Tamén son exemplos en economía circular, participando en proxectos como Mexigal, que buscan o aproveitamento dos residuos derivados da acuicultura.  

A pesares do complicado momento que pasa o consumo de produtos do mar, acentuados pola incomprensible cerrazón do Goberno central a rebaixarlle o IVE, a Xunta pretende continuar apoiando ao sector nos seus esforzos por mellorar a comercialización dos seus produtos para que se supere os altibaixos. No caso de Vitalmar, a planta conta cuns corenta e cinco empregados e supera os 5 millóns de euros de negocio anual coa comercialización de carne de mexillón en distintos formatos. Pola súa banda, o Grupo Proinsa (Promotora Industrial Sadense, SA) é un grupo empresarial familiar de capital 100 % galego, dedicado á produción de mexillón en bateas e long-lines, que é o principal produtor individual deste molusco en España, cun centenar de unidades de cultivo.