O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou na última degustación da 4ª edición do Camiño Gastronómico do Mar, unha campaña de promoción de consumo dos produtos pesqueiros pola que felicitou aos seus promotores, a Asociación Amigos do Camiño do Mar en Peregrinación a Santiago de Compostela e a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP7), e na que colaboran os Armadores de Burela e os 15 concellos do norte de Lugo e A Coruña, de Ribadeo a Neda.
Alfonso Villares destacou que este camiño é cultura do mar porque vincula o turismo, coa promoción do roteiro xacobeo que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Santiago de Compostela, coa gastronomía, pois difunde as especies capturadas pola flota de altura de Burela (pescada do pincho, peixe espada, rape ou chicharro, entre outros). Ademais, tamén é saúde, pois exalta a vida saudable vinculada a unha dieta equilibrada e nutritiva e aos roteiros nos que queimar calorías.