- O conselleiro acusa ao Goberno central de inacción tras case un mes e medio desde que o Goberno galego presentara a solicitude ante a Delegación do Goberno
- Esta medida permitiría cubrir a reparación de tódolos danos nas producións mariñas e abre a porta a axudas extraordinarias para empresas e traballadores con fórmulas como exencións das cotas á Seguridade Social
- Para o responsable autonómico trátase dunha nova afronta ao sector pesqueiro galego e un trato discriminatorio a Galicia fronte a outras comunidades que si obtiveron esa declaración ante situacións análogas
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, denuncia que o Estado continúa sen resolver a solicitude trasladada pola Xunta de Galicia para que sexan declaradas zonas catastróficas os bancos marisqueiros afectados polos episodios de fortes chuvias vividos este outono e que provocaron unha baixa salinidade das augas causando unha alta mortaldade dos bivalvos. O titular de Mar fixo estas manifestacións durante as visitas ás confrarías de Mugardos, Barallobre e Ferrol onde mantivo reunións cos responsables dos diferentes pósitos para explicar os detalles da liña de axudas extraordinarias do goberno galego para o sector marisqueiro coas que se están a mobilizar 4 millóns de euros.
O responsable autonómico recordou que o Goberno galego presentou a solicitude o 20 de decembro ante a Delegación do Goberno sen recibir ningunha resposta ata o momento e contrapuxo a actuación da Administración autonómica fronte a do Estado que segue sen mobilizar recursos a pesar da delicada situación que atravesa o sector. Tamén destacou que esta medida é fundamental xa que permitiría obter máis recursos para acometer a reparación de tódolos danos nas producións mariñas e abre a porta a axudas extraordinarias para empresas e traballadores con fórmulas como exencións das cotas á Seguridade Social.
Alfonso Villares critica que o Goberno central volva a poñerse de perfil ante calquera petición de axuda ou de colaboración que chegue desde Galicia así como o trato discriminatorio que se lle está dando á comunidade fronte a outras rexións que si recibiron apoio estatal ante situacións análogas cun gran impacto negativo noutras actividades económicas. Nesta liña, ironizou sobre o feito de que nas múltiples visitas de representantes do Executivo estatal non se faga ningunha mención a esta cuestión o que mostra a indiferenza da Administración central ante as necesidades dun sector estratéxico para a economía galega e do que dependen milleiros de familias. Un maltrato que estendeu a outros asuntos capitais como a negativa a rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros, o cal permitiría estimular a demanda e rematar co trato diferencial respecto a outros alimentos, ou a falta de noticias sobre o Perte para a cadea mar-industria, esencial para que non decaian importantes investimentos e acceder aos fondos europeos.
4 millóns en axudas
O conselleiro puxo en valor que as novas liñas de axudas extraordinarias do Goberno galego para o sector marisqueiro, que son froito dun intenso traballo cos representantes do sector incluíndo as súas demandas e achegas mobilizando 4 millóns de euros dos que se beneficiarán máis de 7.000 profesionais de marisqueo a pé e a flote. Ademais, se está a elaborar un Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2027 que estará dotado con 130 millóns de euros para reforzar a produtividade e sostibilidade do sector do marisqueo en Galicia.