Alarma no sector marisqueiro: o declive da ría de Arousa

  • A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e as confrarías denuncian o deterioro da ría, cunha caída alarmante na produción de bivalvos e millonarias perdas económicas.

A ría de Arousa, fonte de riqueza para miles de familias galegas, está a sufrir un deterioro progresivo que pon en risco a súa sustentabilidade e futuro. A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e as Confrarías e Agrupacións de Produtores de Mexillón fixeron públicos os datos de produción de bivalvos dos dous últimos quinquenios (2014-18 e 2019-23) e do ano 2024, que reflicten un descenso alarmante en especies clave como a ameixa fina, a ameixa babosa e o berberecho.

Segundo os datos extraídos de Pescadegalicia, a produción de ameixa fina caeu un 86,5% en 2024 respecto á media do quinquenio anterior, situándose en só 21 toneladas. A ameixa babosa rexistrou unha redución do 85,8%, mentres que o berberecho sufriu a maior baixada, cun 93,7% menos de produción respecto ao quinquenio 2019-23.

A situación é preocupante non só pola pérdida de produción, senón polas graves consecuencias económicas. As perdas globais nas vendas de todos os recursos da ría alcanzaron os 16,2 millóns de euros en 2024, cunha caída do 50% nas vendas de bivalvos, que pasaron de 29,4 a 14,7 millóns de euros. En termos de permisos de explotación (permex), o sector rexistra unha tendencia decrecente alarmante, pasando de 1.731 en 2011 a 1.540 en 2024.

A PDRA denuncia que a Xunta de Galicia non está a cumprir coas súa obriga de protexer e rexenerar a ría, permitindo a deterioración ambiental sen tomar medidas efectivas. A falta de investimentos en saneamento e control dos vertidos das EDAR e das fábricas está a provocar unha menor taxa de renovación das augas, agravando a situación.

As axudas ao sector, como as do FEMPA, foron insuficientes para facer fronte a esta crise. Os fondos destinados á rexeneración e restauración da biodiversidade, que non superan os 3,1 millóns de euros, resultan insuficientes para un problema desta magnitude.

Desde os sectores afectados exíxese un plan de rexeneración dos bancos marisqueiros e un plan de saneamento integral da ría e dos ríos que a alimentan, con unha forte dotación económica. Ademais, piden a paralización inmediata da mina de Touro e da celulosa de Altri no río Ulla, xa que consideran que estas actividades prexudican a calidade das augas e, polo tanto, o futuro do sector.