- O conselleiro insta a que o Desenvolvemento do Plan da Cultura Marítima de Galicia involucre ao conxunto da sociedade, administracións e ao sector marítimo-pesqueiro
- Aspira a contar nesta tarefa co apoio e a colaboración dos oito grupos de acción local do sector pesqueiro entre os que se atopa o GALP 2 Golfo Ártabro Norte
- Preténdese aproveitar o traballo pegado ao terreo destes colectivos, que nos últimos anos contribuíron a xerar riqueza e emprego e a diversificar as actividades na costa
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e polo director do Plan da Cultura Marítima de Galicia-Horizonte 2030 (Pcuma), Óscar Fuertes, visitou hoxe dúas das áreas nai que se definen nesta estratexia de posta en valor do patrimonio mariño, as de Mugardos e Redes, desde onde instou a que se poñan en marcha por todo o litoral da comunidade proxectos que revaloricen e devolvan o protagonismo que se merece toda a riqueza material e inmaterial vinculada ao mar galego.
Nesta visita, na que exerceron como anfitrións José Manuel Fernández Lage, presidente do GALP 2 Golfo Ártabro Norte, e a xerente deste colectivo, Tamara Tilve, o titular de Mar percorreu a Praza do Pedregal da localidade de Redes no concello de Ares e o paseo marítimo mugardés, zonas singulares do litoral galego recollidas no Pcuma como áreas nai porque conservan as características orixinais vinculadas con este patrimonio ligado ao mar, desde os elementos construtivos á cultura e a historia. Xunta a elas atópanse ademais outras como Rinlo, Espasante (Ortigueira), Quilmas (Carnota), Muros, a enseada de Broña (Outes), a zona da Secada-Touro (Ribeira), Combarro (Poio) e A Guarda.
O obxectivo desta visita é o de reforzar o coñecemento da estratexia autonómica en favor deste patrimonio do mundo do mar na comunidade, na que se pretende involucrar ao conxunto da sociedade, das administracións e ao sector marítimo e onde se aposta porque os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) desempeñen un papel protagonista e promovan proxectos que contribúan a recuperalo, salvagardalo para o futuro e a poñelo en valor. Alfonso Villares sostén que os GALP poden xogar un importantísimo papel á hora de incluír actuacións con estes fins nas súas planificacións futuras.
Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro actúan sobre un territorio onde se asenta máis da metade da poboación de Galicia (o 55%) e promoveron entre 2016 e 2022 máis de setecentos proxectos que mobilizaron 80 millóns de euros de investimento público-privado, dos cales preto da metade foron axudas. Estes recursos multiplicáronse sobre o terreo e dinamizaron a economía galega nos concellos costeiros cun impacto superior aos 215 millóns de euros, xerando directa, indirecta e inducindo máis de 4.500 empregos durante a posta en marcha e execución de tódalas iniciativas. Destacan entre os proxectos realizados os que teñen que ver coa valorización dos produtos da pesca e a diversificación das actividades ligadas ao mundo marítimo-pesqueiro.
En concreto, dentro dos 703 proxectos realizados o GALP Golfo Ártabro Norte protagonizou un total de 134, case unha quinta parte do total, que contaron con preto de catro millóns de euros en axudas. Este colectivo ten un total de 38 entidades socias, das que o 15,8% pertence ao sector pesqueiro, mentres que o sector público supón o 26,3%. As entidades que representan o sector social son o 42,1% e as que representan o sector económico, o 13,1%. Está integrado por 10 concellos: ademais de Ares e Mugardos están os de Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume.
Folla de ruta
O Pcuma constitúe un conxunto de accións que é único e pioneiro tanto a nivel nacional como internacional que ten como fin protexer e conservar o enorme patrimonio marítimo galego para que chegue ás vindeiras xeracións. Esta folla de ruta foi froito dun intenso traballo e de consultas a persoas e entidades de todo o litoral e realiza unha profunda análise da diversidade de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente na comunidade. Recolle 100 medidas a aplicar antes do ano 2030 para avanzar no seu coñecemento, preservalo e poñelo en valor tanto en Galicia como no exterior. Para iniciar ese camiño e que o traballo realizado empece a dar froitos tanxibles para a cidadanía preténdese contar co conxunto da sociedade e administracións competentes e, pola súa labor pegada ao terreo, especialmente cos GALP.