A Xunta xa retirou das praias galegas 3.500 quilos de pellets e máis de 10.200 quilos doutros plásticos

O dispositivo despregado polo Executivo autonómico por terra traballa hoxe en 44 areais de 23 concellos mentres que por mar están mobilizados dous helicópteros e un total de sete embarcacións

O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento 3.500 quilos deste material, o equivalente 140 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais máis de 10.200 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.

No día de onte, o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias algo máis de 49 quilos de pellets, o equivalente a uns 2 sacos deste material, así como preto de 659 quilos doutro lixo presente na costa que pode depositarse no contedor amarelo.

O operativo de vixilancia, detección e limpeza, por terra e mar, despregado pola Xunta está integrado hoxe por arredor de 350 efectivos repartidos por 44 praias pertencentes a 23 concellos. Mentres, por mar o Servizo de Gardacostas continúa a facer un seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte (o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia) así como tres patrulleiras de menores dimensións. A maiores, o Goberno central aporta ao operativo un avión e un helicóptero.

Cómpre precisar que os medios aéreos e marítimos poden ver condicionada a súa actuación polas condicións meteorolóxicas e pola necesidade de atender outras obrigas como o apoio aos máis de 4.000 buques pesqueiros e arredor de 2.000 barcos bateeiros da comunidade, o salvamento ou a vixilancia e control da frota.