O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, recibiu hoxe a familiares dos 21 falecidos no afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo en febreiro de 2022 en augas de Terranova e reiteroulles que contan con todo o apoio e o agarimo da Xunta de Galicia. O conselleiro expresou a importancia de que a xustiza actúe con axilidade para esclarecer o antes posible as causas do afundimento para evitar que algo así volva ocorrer e quixo mostrarlles o máximo respecto e recordo para con todas as vítimas da que foi a peor traxedia da pesca galega en case medio século.
Alfonso Villares quixo aproveitar para trasladar todo o apoio da Administración galega ao conxunto das familias personificadas na comitiva encabezada por María José de Pazo, así como unhas palabras de recordo e agarimo para todas as xentes do mar que perderon a vida faenando.
A portavoz das familias trasladou tanto ao conselleiro como ao conxunto da sociedade que o 17 de febreiro de 2024, dous días despois do aniversario do naufraxio, celebrarase un acto de homenaxe ante a placa en Marín que lembra ás vítimas. O titular de Mar quixo aproveitar tamén para agradecer o importante labor e o sacrificio que realizan as xentes do mar de Galicia en todos os caladoiros do mundo, onde son referentes internacionais neste ámbito.