O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe a foodtruck da campaña GALICIA SABE A MAR da Xunta de Galicia na súa parada no lugar de Gouxa, no municipio pontevedrés de Dozón. O titular do Mar, acompañado polo rexedor da localidade, Adolfo Campos, manifestou a excelente calidade do peixe e marisco das rías galegas e instou a que sexan parte dunha dieta saudable e equilibrada que repercute positivamente na vida dos seus consumidores. Tamén destacou o apoio da Administración autonómica á promoción dos produtos pesqueiros galegos e a poñer en valor as súas propiedades nutricionais e gastronómicas para incentivar o seu consumo así como o apoio ao bo facer dos profesionais do mar da nosa comunidade.
O conselleiro resaltou o éxito desta iniciativa na que catro foodtrucks levan por toda a xeografía galega e parte da española os mellores sabores dos produtos do mar de Galicia. Xa son preto de 380 concellos de toda España e 350.000 persoas as que puideron degustar algún dos petiscos pensados especialmente para esta campaña realizados a base de produtos certificados do mar e da terra. O responsable autonómico lamenta que o novo Goberno central persista na súa negativa de rebaixar o IVE á alimentación que vén da pesca e a acuicultura, unha desvantaxe competitiva respecto a outros como a pasta ou o aceite que segundo diversos estudos está a agudizar o descenso do consumo agravando a situación xa de seu complexa que está a vivir o sector para que compitan en igualdade de condicións na cesta da compra dos consumidores.