A Xunta inviste máis de 80.000 € na reparación do peirao de Santa Cruz, en Oleiros, afectado polos últimos temporais

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia vén de iniciar hoxe mesmo as obras de reparación do peirao de Santa Cruz no municipio coruñés de Oleiros, afectados polos últimos temporais. O ente público investirá nestes traballos máis 80.000 euros co obxectivo de reconstruír a zona afundida. 

Os traballos previstos consistirán no levantamento de parte do pavimento, na zona afectada e nas inmediacións para proceder a encher o oco existente con formigón e outros materiais de recheo. Deste modo preténdese recuperar material da base do peirao que foi progresivamente perdéndose. 

Os traballos que deron comezo esta mañá teñen un prazo de execución previsto de arredor dun mes. O obxectivo de Portos de Galicia é poder reabrir, ao remate destas obras, ao tránsito o total esta infraestrutura que agora se atopa parcialmente restrinxida á circulación.