- Os exemplares naceron en maio de 2023 no Centro de Cultivos Mariños do municipio lucense e foron criados ata ter un tamaño axeitado para ser introducidos no mar
- Esta entrega pretende sentar as bases para dun novo proxecto de investigación do que formarán parte o CIMA-Ribadeo, a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e as confrarías das zonas de Cedeira e A Mariña
- Alfonso Villares reitera a importancia da colaboración dos centros de investigación co sector para buscar solucións aos seus problemas e impulsar a súa produtividade
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañou hoxe aos investigadores do Centro de Cultivos Mariños (CIMA) de Ribadeo que entregaron ao colectivo de persoas mariscadoras da confraría deste municipio lucense unha partida de 4.000 unidades de xuvenís de ourizo de mar. Esta iniciativa forma parte da acción de investigación Mellora da produción de xuvenís de ourizo de mar en catividade, código de proxecto CIMA 21/03 (Xumarou), que ten por obxectivo optimizar o período de preengorda de xuvenís con diferentes sistemas para acurtar o tempo que se precisa para o seu traslado ao medio natural.
Esta actuación, que rematará en 2024, está financiada na súa totalidade pola Consellería do Mar e conta cun orzamento que supera os 125.321 euros e que se distribúe en catro anualidades. A entrega deste lote de exemplares, dun tamaño medio de 10 milímetros (mm), forma parte dunha camada que naceu en maio de 2023 nas instalacións do CIMA de Ribadeo. Desta partida un lote de 5.000 individuos foi introducido xa en novembro de 2023 na reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos en Lira, A Coruña.
Alfonso Villares, xunto coa directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, volveu a destacar a importancia da colaboración directa entre entidades do mundo da ciencia, como é o caso do CIMA, co sector produtivo á hora de contribuír a propiciar un incremento dos exemplares adultos que eleve a intensidade reprodutiva e que dea pé a incorporar mellores recrutamentos no medio mariño. Segundo o titular de Mar, con esta acción de investigación o que se pretende é conseguir que un recurso como o ourizo de mar quede protexido e garantir a súa dispoñibilidade ás organizacións e entidades pesqueiras participantes no proxecto.
Entre os ensaios desta acción de investigación realizáronse experimentos para definir un protocolo de cultivo larvario que incremente a supervivencia das larvas ata o momento da fixación; probar diferentes sistemas de fixación para aumentar o número de individuos en fase post-larvaria e ensaiar métodos de marcaxe e identificación dos exemplares antes do seu traslado ao medio mariño.
Con esta actuación preténdese sentar as bases de colaboración entre o CIMA, como órgano científico e as confrarías das zonas VIII (Cedeira) e IX (A Mariña), e xa se está a traballar coas súas asistencias técnicas e coa dirección do persoal técnico da Xefatura Territorial de Lugo nunha nova proposta de acción de investigación que, cunha duración prevista de tres anos, pretende aumentar a produción de exemplares de ourizo de mar e introducir nas confrarías de pescadores as técnicas de sementeira e de seguimento destes equinoideos ata que alcancen o seu tamaño comercial.
De xeito paralelo o CIMA de Ribadeo pretende activar un proceso de cultivo de macroalgas mariñas en condicións controladas de laboratorio, coa finalidade de abastecer as necesidades de alimento dos ourizos de mar na fase de preengorda, principalmente nos meses de finais do outono e de inverno, nos que escasean as algas no medio natural.
Importancia da produción
En Galicia o ourizo é un importante recurso produtivo que se comercializa en preto dunha trintena de lonxas de toda a comunidade autónoma, de Ribadeo ata a Guarda. Segundo os datos preliminares de primeira venda en lonxa, no ano 2023 vendéronse preto de 631.220 quilos por un importe superior aos 7,6 millóns de euros.