A Xunta e a industria transformadora de produtos do mar reforzarán a súa colaboración en 2024 para impulsar a competitividade do sector

  • O acordo anual inclúe diferentes actuacións de promoción e difusión da industria galega da transformación e das conservas de peixes e mariscos coa finalidade de favorecer a actividade das empresas galegas e o seu desenvolvemento
  • O titular de Mar insta a que peixes, mariscos e conservas sigan o exemplo do aceite de oliva e se favoreza o seu consumo coa redución ou eliminación do IVE, pois non se explica que o Estado manteña o veto ás vantaxes fiscais que aplica noutros alimentos
  • Comparte co complexo mar-industria galego a preocupación polo Perte sectorial que nunca chega, o que fai perigar importantes investimentos e ameaza oportunidades
  • Alfonso Villares enxalza a calidade dos alimentos que aporta o complexo mar-industria e reitera que se debe fuxir dun alarmismo pola vertedura dos pellets que está a danar a imaxe da pesca e o marisqueo de forma totalmente irresponsable

A Consellería do Mar e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos Anfaco-Cecopesca renovaron hoxe a súa colaboración no eido da promoción e mellora da comercialización das conservas de produtos pesqueiros co obxectivo de impulsar a competitividade do sector e favorecer o seu crecemento. Este convenio anual, polo que se regula a cooperación entre as partes, foi asinado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Roberto Alonso, nun acto no que tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Pesca, Antonio Basanta. 

O titular de Mar explicou que esta colaboración estará vixente ata o 30 de decembro para desenvolver distintas accións de promoción e difusión da calidade dos produtos do mar transformados, co obxectivo de intensificar o coñecemento que ten o conxunto da cidadanía sobre eles e impulsar o desenvolvemento das empresas do sector neste ámbito.

Alfonso Villares sinalou que nunca foi máis importante que no momento actual defender a calidade dos produtos do mar de Galicia, evitando o alarmismo provocado pola vertedura de pellets plásticos na costa. Por iso reclama do Goberno central que contribúa a defender a imaxe do sector ante ataques inxustificados e totalmente irresponsables á calidade e salubridade das súas capturas, que está fora de toda dúbida.

É necesario impulsar o consumo con medidas que deberían ser sinxelas de tomar, como a aplicación de medidas fiscais das que xa gozan outros alimentos. Xusto un día despois do anuncio da redución a cero o IVE do aceite de oliva, o titular de Mar reiterou que non é de recibo que os produtos da pesca, a acuicultura e a conserva continúen a ser marxinados polo Goberno central á hora de establecer calquera tipo de vantaxe impositiva.

Se inexplicable é este veto, desde a Consellería tamén se comparte a preocupación do sector pola ausencia de noticias do prometido Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) para o complexo mar-industria, pois a falta destes recursos europeos fai perigar importantes investimentos e ameaza con lastrar diferentes oportunidades de futuro. Tras anos de retraso é preciso contar con el xa.

Incrementar a produtividade

Pola súa banda, a Xunta continuará traballando man a man co sector para mellorar a súa capacidade por vías como a do convenio selado con Anfaco-Cecopesca, que recolle, entre outras actuacións, a celebración de 3 xornadas relacionadas coas temáticas claves para o sector conserveiro e transformador, como a sustentabilidade, a transformación dixital, a seguridade alimentaria, a mercadotecnia e a I+D+i, entre outras.

En canto á promoción no ámbito internacional traballarase en conxunto coa industria transformadora e conserveira para impulsar a súa presencia nos seus mercados prioritarios, levando os seus produtos as feiras de alimentación internacional estratéxicas para o sector. Tamén se realizarán actividades como showcookings, degustacións, catas e maridaxes en diversos contextos como eventos, festas e festivais gastronómicos, eventos deportivos e centros educativos, entre outros. Tamén se editará material de promoción e informativo en distintos idiomas, como folletos, ademais de merchandising.  

Outro dos grandes obxectivos é favorecer o coñecemento do mundo e a historia da conserva coa dixitalización e a mellora do acceso online do patrimonio cultural desta esencial industria alimentaria, de cara a facilitar tanto a súa conservación a longo prazo, como a ampliar o seu alcance e relevancia. Un fin compartido tamén no Plan da Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 da Xunta de Galicia.

Tamén se inclúe a realización dunha campaña de promoción dixital que permita empregar os canais de comunicación por Internet e as redes sociais para promocionar e mellorar a comercialización de conservas de produtos pesqueiros, trasladando as vantaxes do seu consumo por ser un produto seguro, saudable, nutritivo e versátil.