A Xunta duplicou o volume de axudas para a frota polo impacto da guerra de Ucraína e agarda ter resoltos e pagados todos os expedientes no mes de decembro

  • Antonio Basanta detallou que aos 3,6 millóns de euros destinados inicialmente para a anualidade sumouse unha ampliación de crédito por outros 3,7 millóns de euros, despois de que as solicitudes dos distintos segmentos da frota superasen as 2.600
  • Os abonos para cubrir o impacto nos custos do segundo semestre de 2022 realizarase apenas cinco meses despois da publicación da orde, o que contrasta co cerca dun ano que tardou o Executivo central en pagar as correspondentes ao primeiro semestre
  • No caso da frota do cerco continúase á espera, 11 meses despois, de que se publique o real decreto que debe fixar as contías e asignar os recursos necesarios

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, explicou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento que a Xunta está a ultimar a ampliación do crédito que permitirá duplicar os recursos destinados ás axudas de compensación á frota pesqueira galega polas consecuencias da guerra de Ucraína que, dotadas inicialmente con algo máis de 3,6 millóns de euros, subirán por riba dos 7,3 millóns de euros. Tamén avanzou que ter resoltos e abonados tódolos expedientes o próximo mes de decembro. 

O representante da Consellería do Mar detallou que esta orde, publicada o pasado mes de agosto, rexistrou ao remate do prazo a mediados de setembro un total de 2.613 solicitudes, o que da proba da alta demanda desta liña de apoios. Explicou Antonio Basanta que xa desde un inicio se abriu a porta a aumentar o importe consignado en virtude das posibilidades orzamentarias, recordando que os beneficiarios das mesmas deben ser barcos da frota pesqueira galega da 3ª lista do Rexistro de Buques e Empresas Navieiras. O apoio pola subida do prezo do gasóleo pola invasión de Ucraína está limitada a 300.000 € por empresa, con independencia do número de buques de que dispoña.

O director xeral salientou que o Executivo galego tramitou as axudas coa máxima celeridade posible e que encamiñou a súa resolución en apenas cinco meses. Estes apoios cobren o impacto na frota do segundo semestre de 2022, e que nas do primeiro semestre dese ano, a cargo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o prazo achegouse case a un ano desde a publicación, e 14 meses desde o final do período de axuda.

Unha cuestión que atrasou a publicación da orde galega foi que era necesario dispor duns criterios unificados para todas as comunidades autónomas que dispuxeran axudas e que debían ser aprobados por Bruxelas. Si se simplificou, apunto Antonio Basanta, o proceso para a concesión das axudas para axilizalo ao máximo. 

Cotas e apoios polo xurelo 

En resposta a unha pregunta sobre as medidas do Goberno galego dirixidas á mellora do reparto da cota de xurelo na campaña 2024, o director xeral recordou que a frota de cerco galega e moitos outros barcos de artes menores sufriron o duro impacto da rebaixa nun 85% da cota desta especie para esta campaña, o que levou a unha parada voluntaria a boa parte desta frota. Sen embargo, once meses despois continúan sen ter noticias da modificación do real decreto que debe establecer e actualizar os pagos a armadores e tripulantes nin se asignaron fondos necesarios. Sen estes pasos previos que debe dar o Goberno central resulta imposible publicar a orde de axudas.

Fronte a esta situación, e agora que se achega a nova negociación en Bruxelas das cotas pesqueiras para 2024, Antonio Basanta apuntou que a Xunta segue a traballar man a man co sector na súa defensa, analizando o impacto da caída de cota de xurelo. Os datos certifican unha caída das capturas do 63 % con respecto á media anual do quinquenio anterior a este ano, e dun 45 % na facturación, o que supón unha merma de 11 millóns de euros nas vendas no mesmo período, dato real que se achega aos preto dos 12 millóns prognosticados no informe realizado en novembro de 2022.

Os tres informes realizados desde a Consellería do Mar, as dez xuntanzas mantidas co sector (7) e a Administración central (3) xeral son unha proba máis do apoio da Xunta ao sector do cerco e das artes menores que depende do xurelo. O director xeral de Pesca apuntou que tras quedarnos con apenas tres mil toneladas, o triste é que a xestión interna en España impide que se poda pescar toda. Isto xa foi alegado o pasado marzo tanto pola Xunta polo sector e non se tivo en conta, polo que agora se ven as consecuencias: non se chega en artes menores a consumir nin o 50 % da cota que se podería alcanzar, xa exigua.