Importancia das campañas de promoción do consumo de peixe entre a mocidade e os seus beneficios para a saúde

  • O conselleiro do Mar puxo en valor a celebración desta xornada como xusta homenaxe aos homes e mulleres do mar e ao seu bo facer, artífices de que o mellor produto das rías galegas chegue aos nosos
  • A xornada estivo marcada por unha ampla programación de actividades dirixidas á divulgación nas escolas e exaltación da cultura mariñeira así como á gastronomía, dando visibilidade ao sector marítimo

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a importancia das campañas de promoción do consumo de peixe e a divulgación das propiedades nutritivas dos produtos pesqueiros entre os consumidores, especialmente entre as persoas máis novas. O titular de Mar fixo estas manifestacións na súa visita á cociña do CEIP Península da Paz no concello lucense de Cervo onde puido observar o proceso de elaboración dos menús Pescada de Burela para varios dos colexios participantes no Día do Orgullo Mariñeiro organizado pola Fundación Expomar.

Alfonso Villares enxalzou a iniciativa de celebrar este evento como xusta homenaxe aos homes e mulleres do mar que co seu bo facer e profesionalidade fan de Galicia unha referencia no ámbito marítimo pesqueiro e que son os auténticos artífices de que podamos dispoñer nos nosos pratos do mellor produto das rías galegas. O conselleiro do Mar tamén realizou unha visita ao comedor do centro escolar burelá CEIP Vista Alegre no que 120 estudantes puideron desfrutar dos saborosos menús onde quixo salientar os numerosos beneficios de consumir peixe como parte dunha dieta equilibrada con importantes beneficios para a saúde. 

Esta cita, que ten lugar por primeira vez e que coincide co centenario da confraría de pescadores desta vila da Mariña lucense susténtase en tres iniciativas. Por un lado, levouse a cabo o Orgullo Mariñeiro nas escolas nos comedores de 8 escolas da comarca no que máis de 700 escolares comeron Pescada de Burela no seu menú. Por outro lado celebrouse o Orgullo Mariñeiro no Prato na carpa de Nadal na praza da Mariña onde houbo unha degustación de “Peixe de Burela” con receitas elaboradas con diferentes especies da lonxa do municipio.

Xornada cultural

A terceira pata da programación foi a proxección pola tarde no auditorio da Casa da Cultura de Burela do documental Escamas, Sangue! dirixido e producido por Adrián Canoura e Breixo Chairo no 2014 polo 20 aniversario da ‘Guerra do bonito’. O acto foi sucedido por unha charla-coloquio dos directores e os protagonistas da largometraxe moderada polo presidente da Federación Española de Confrarías, Basilio Otero, e coa participación do Capitán Marítimo de Burela, Jaime Aguado. O evento contou coa presenza do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que clausurou o acto trala actuación musical da Coral Polifónica de Burela.