O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mostraron hoxe o seu respaldo á campaña ‘O cerco, un xeito de vida’, posta en marcha pola Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga) e que hoxe foi presentada na Praza de Abastos de Ourense. A iniciativa, que conta co apoio da Consellería do Mar, busca dar a coñecer entre a poboación esta arte de pesca empregada polos cerqueiros galegos, barcos que faenan dun xeito sustentable e respectuoso co medio ambiente. Tamén se afonda na calidade das súas capturas de proximidade, frescura e sustentabilidade, con especies como a sardiña, xurelo, xarda, bocarte, boga, sargo ou a agulla.
A campaña desta organización de produtores pesqueiros (a OPP-82) incluíu aos centros educativos, onde se desenvolveu a través dun concurso de debuxo para divulgar as bondades nutritivas, ecolóxicas e culinarias dos produtos do cerco. A Consellería colabora con Acerga a través do programa anual de axudas para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros e das asociacións de produtores pesqueiros, que para o ano 2023, o primeiro financiado polo novo Fondo Europeo, Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), destina a esta organización de produtores preto de 610.000 euros.