- O titular de Mar pon en valor a coordinación entre o Centro de Investigacións Mariñas e os profesionais da pesca e o marisqueo para cultivar en criadeiro especies que servirán para reforzar as poboacións dos bancos naturais
- O próximo martes está prevista a entrega dunha partida de 4.000 unidades de xuvenís de ourizo ao pósito de Ribadeo dentro do proxecto ‘Xumarou’
- Alfonso Villares defende que é fundamental promover o consumo de peixes e mariscos de Galicia e insta ao Goberno central a rebaixar dunha vez o IVE dos mellores e máis sans alimentos que se poden levar hoxe á mesa en toda Europa
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou esta mañá nunha reunión de traballo entre representantes das confrarías das zonas VIII (Cedeira) e IX (A Mariña) con técnicos da delegación territorial do departamento da Xunta en Celeiro e investigadores do Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo, dependente do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA). Con este encontro preténdese avanzar no desenvolvemento en conxunto dunha nova acción de investigación que pretende aumentar a produción de exemplares de ourizo de mar na costa lucense e introducir nas confrarías de pescadores as técnicas de sementeira e de seguimento deste recurso ata que alcancen o seu tamaño comercial.
Alfonso Villares destacou a importancia de estreitar a colaboración entre o sector e organismos científicos co fin de contribuír á mellora da situación dos recursos e á súa xestión. Na reunión participou a delegada territorial de Mar en Celeiro, Mariña Gueimunde, e por videoconferencia o director do CIMA, Carlos Gabín. No caso do ourizo preténdese coordinar as actividades de introdución de alevíns en zonas da costa de Lugo coas confrarías e asociacións do sector pesqueiro e facer un seguimento dos mesmos en cada banco, avaliando os resultados das diferentes introducións na mellora das poboacións.
Agárdase tamén propiciar un incremento dos exemplares adultos que eleve a intensidade reprodutiva e que dea pé a incorporar mellores recrutamentos no medio mariño. Con esta acción de investigación, preténdese conseguir que este recurso quede protexido e garantir a súa dispoñibilidade ás organizacións e entidades pesqueiras participantes no proxecto.
O titular de Mar constatou que para as confrarías e asociacións pesqueiras da Mariña lucense o ourizo é un dos principais recursos e fonte de riqueza, polo que debe mellorar as súas posibilidade de aprovisionamento de xuvenís desta especie, contando para iso co CIMA de Ribadeo, cuxas instalacións permiten realizar todo o proceso necesario para garantilo. Xa teñen experiencia en proxectos de introdución alevíns en bancos naturais en colaboración coas confrarías de pescadores desta zona como as de Ribadeo, San Cosme, Burela, San Cibrao, Celeiro, O Vicedo e Espasante, ademais de Fisterra.
De feito, o próximo día 30 de xaneiro está previsto que o CIMA entregue no banco da enseada de Loureiro, na parroquia de Piñeira en Ribadeo, dunha partida de 4.000 unidades de xuvenís de ourizo de mar ao colectivo de mariscadores e mariscadoras da confraría. A iniciativa forma parte da acción de investigación ‘Mellora da produción de xuvenís de ourizo de mar en catividade’, código de proxecto CIMA 21/03 (Xumarou), que busca optimizar o período de preengorda de xuvenís con diferentes sistemas para acurtar o tempo que se precisa para o seu traslado ao medio natural. A actuación, que remata este 2024, conta cun orzamento que supera os 125.321 euros distribuído en catro anualidades e que financia na súa totalidade a Consellería do Mar.
En Galicia o ourizo é un importante recurso que se comercializa en preto dunha trintena de lonxas de toda a comunidade, de Ribadeo ata a Guarda. Segundo os datos preliminares de primeira venda en lonxa, no ano 2023 vendéronse preto de 631.220 quilos por un importe superior aos 7,6 millóns de euros.
Elevar o consumo de peixes e mariscos
Antes de participar no encontro en Celeiro o conselleiro do Mar achegouse a Xove, onde visitou a peixería Barreira, que leva máis de 35 anos ofrecendo peixes e mariscos aos consumidores desta localidade da Mariña. Alfonso Villares defendeu como fundamental continuar coa promoción dos produtos do mar de Galicia desde os puntos de venda, a onde chegan alimentos da máxima calidade capturados ou cultivados polos profesionais do sector marítimo-pesqueiro que viven dunha actividade que é esencial e estratéxica.
Desde que saen do océano ata que chegan finalmente ao prato hai 50.000 familias que viven do seu labor da cadea mar-industria, incluídos os que traballan na súa distribución desde as peixerías, que merecen o máximo apoio e que se responda a demandas que levan reclamando desde hai máis de dous anos e ás que se nega o Goberno central, como é a rebaixa do IVE sobre peixes, mariscos e conservas. Un veto que o titular de Mar non entende que se manteña e que prexudica aos mellores e máis sans alimentos que se poden levar á mesa hoxe en toda Europa, concluíu Alfonso Villares.