A Xunta centra a petición de medios ao Estado nas embarcacións e aeronaves das que dispón en Galicia para atallar a chegada de pellets no mar

  • Tamén se reclama a utilización do vehículo submarino de control remoto ROV Comanche para buscar e selar os contedores que son a fonte da contaminación
  • Ante a previsión meteorolóxica que anticipan novas chegadas de residuos aos areais demandan un posible reforzo dos efectivos que se sumen ao operativo autonómico e tamén se solicita que se contribúa á formación dos voluntarios 

O subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, sinalou hoxe que a primeira hora da tarde se remitiu á Delegación do Goberno a carta coa relación de medios que se lle piden ao Estado para que este contribúa a atallar a chegada de pellets á costas galega, e en especial que dedique a totalidade das embarcacións e medios aéreos cos que conta na comunidade autónoma a localizar e recuperar os sacos que continúan no mar antes de que cheguen aos areais.       

Despois de activar o nivel medio do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal), Lino Sexto detallou nunha comparecencia ante os medios de comunicación que o primeiro que se reclama é colaboración na formación do voluntariado que poda acudir a limpar as praias, para que podan facer a súa labor de forma eficiente e co maior respecto ao medio ambiente.

En segundo lugar, demándase que ante as previsións meteorolóxicas de cara ao fin de semana poderían provocar que aumente o produto contaminante que está no mar e chega á costa, se poña a disposición do operativo da Xunta un retén de persoal dependente do Estado en terra que se poda activar para a recollida deses residuos de ser necesario.        

O terceiro punto que se solicita, e se considera fundamental, é o de cortar a fonte da contaminación, co coñecemento do que pasou cos contedores que se afundiron e a súa situación actual. Para iso o Estado español debería poñerse en contacto co portugués e coa European Maritime Safety Agency (EMSA), empregando todos os medios necesarios, incluído o vehículo submarino de control remoto ROV Comanche que se atopa na base de Salvamento Marítimo de Vilar do Colo, co fin de localizalos, revisalos e selalos para evitar que continúen sendo a orixe de elementos contaminantes.