- Alfonso Villares aborda o Programa de Ciencias Mariñas financiado polos fondos Next Generation, con 6 millóns do Plan de Resiliencia e 4 máis do Femp e Fempa pola Xunta
- Involucra a unha rede de 250 investigadores de toda a comunidade científica galega, desde as tres universidades aos catro centros dependentes do CSIC e seis da comunidade: o Cesga, Cetmar, CIMA, o Igafa, Intecmar e Meteogalicia
- Os Orzamentos para 2024 da Xunta elevan un 50% os recursos de Mar amparados no Plan Galego de Investigación e impulsan Redemar, onde estes centros traballan xunto as confrarías aportando un 40% máis de fondos
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor a aposta decidida da Xunta de Galicia en investigación mariña e avogou por mobilizar, de forma coordinada, todos os recursos científicos e de I+D+i presentes en Galicia para que traballen, man a man, en favor do seu sector marítimo-pesqueiro. Agora máis ca nunca, argumentou, toca remar todos xuntos para buscar solucións aos problemas aos que se enfrontan o sector extractivo galego ante o impacto das inclemencias meteorolóxicas extremas polo cambio climático, con choivas récord e descensos da salinidade nas rías.
Para abordar este traballo conxunto, o titular de Mar acudiu este venres á sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar onde, acompañado pola súa directora, Paloma Rueda, mantivo un encontro co equipo responsables da coordinación do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, no que participan o Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Universidade de Vigo e o propio Cetmar, cos que analizou a súa evolución a partir dunha exposición do seu polo seu coordinador científico, Francisco Saborido Rey. Este programa inclúese dentro dos plans complementarios previstos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Estado, e recibe financiación dos Fondos Next Generation Europe, do FEMP e do novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
O programa que involucra ao Estado coas autonomías, na galega a través da Consellería do Mar, conta cunha dotación de fondos do PRTR de 6 millóns de euros e unha achega de 4 millóns de euros da Xunta (a través do FEMP e o Fempa). Aglutina a máis de 250 investigadores da comunidade científica galega, xorde con vocación de permanencia máis aló do propio plan complementario e busca integrar os desafíos científicos dunha área estratéxica para Galicia como é a investigación mariña, ao tempo que pretende impulsar a transformación do tecido empresarial vinculado ao sector marítimo-pesqueiro. Nesta liña de acción conxunta construíuse un plan de traballo altamente específico que define once paquetes de traballo, 38 actuacións, 132 actividades e 293 tarefas a desenvolver.
Nesta inxente labor colaboran as tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo); os catro centros dependentes do CSIC, como son o propio Instituto de Investigacións Mariñas, os dous centros do Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Ciencias do Patrimonio e a delegación de Galicia do CSIC; e dependentes da Xunta o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), MeteoGalicia e vinculados á Consellería do Mar o Cetmar, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA); o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).
Alfonso Villares destacou o case infinito potencial deste conglomerado de centros, referentes en Europa nos seus ámbitos de traballo, e quixo poñer en valor todo o ben que están a facer pola cadea mar-industria galega, destacando que son unhas aportacións que poden e van ir en aumento no futuro, pois a contribución da ciencia está a ser determinante á hora de propiciar a xestión máis eficiente e sostible dos recursos do mar e da acuicultura. As actuacións que leven a un traballo máis estreito entre todos estes actores científicos e o sector redundarán en beneficios para o conxunto de Galicia.
O Programa de Ciencias Mariñas investiu en accións como a dedicada a deseñar unha estratexia coordinada e novas tecnoloxías para mellorar os servizos de observación e a monitorización mariña no futuro: na detección de ameazas e riscos de contaminación mariña; na monitorización da trazabilidade, calidade, seguridade e sostibilidade dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura; no desenvolvemento de ferramentas xenómicas e bioinformáticas para a mellora da produción; e en actuacións para criadeiros de bivalvos, alimentación e benestar do rodaballo ou avances para o cultivo sostible do polbo. Integra tamén un importante esforzo no ámbito das ciencias sociais para potenciar a capacidade da comunicación e transferencia do coñecemento aos usuarios e para axudar a comprender as transformacións que todo isto pode implicar no entorno socioeconómico.
Incremento dos recursos para 2024
O conselleiro do Mar recordou que no Orzamento 2024 recóllese un incremento na financiación do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica do 50% con preto de 7 millóns de euros, e que dentro deste esforzo a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia verá incrementados en máis dun 40% os seus recursos, co fin de consolidarse como espazo fundamental no que poñer en común experiencias e coñecementos cos cales atopar solucións aos problemas do sector e avanzar na sustentabilidade das súas actividades para garantir o seu futuro.