A Xunta apoia a actividade marisqueira de Galicia con axudas que superan os 11 M€

  • Con este obxectivo, a Consellería do Mar fixo unha encomenda de xestión a Seaga para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños por valor de 1,3 millóns e incrementou nun 20%, con respecto a 2023, a aportación para mellorar a produtividade dos bancos marisqueos con perda de produción 
  • Villaverde adianta que proximamente se proxecta publicar a concesión directa de axudas extraordinarias, por valor de máis de 400.000 euros, ás entidades asociativas ante os graves acaecementos ambientais co fin de garantir a súa viabilidade
  • Insta ao Goberno a corrixir a súa negativa a axudar ao sector do mar galego, sobre todo ao marisqueo, ao non tramitar a declaración de zona catastrófica nas rías para compensar as perdas pola mortaldade severa nas poboacións de bivalvos

A Xunta de Galicia apoia a actividade marisqueira de Galicia con axudas que superan os 11 millóns de euros. Así o detallou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Marta Villaverde, no marco da súa comparecencia na Comisión 8 do Parlamento sobre as distintas liñas de axudas para a rexeneración dos bancos marisqueiros da ría de Camariñas.

Villaverde puxo en valor o intenso traballo que se está a realizar dende hai tempo tanto por parte do técnicos dos Departamentos Territoriais e Servizos centrais, como dos biólogos da zona, dos centros de investigación e das asistencias técnicas da propias confrarías. É precisamente, esta estratexia conxunta a que permite dar continuidade e se estea a traballar en crear varias liñas de actuación ou reforzar as existentes para seguir dando soporte á rexeneración dos bancos marisqueos. Con este obxectivo, a Consellería do Mar fixo unha encomenda de xestión a Seaga para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles para o período 2023-2025, por valor de máis de 1,3 millóns de euros.

Neste senso, anunciou que, proximamente, se proxecta publicar a concesión directa de axudas de carácter extraordinario ás entidades asociativas do sector pesqueiro destinadas a garantir a súa sostibilidade ante os graves acaecementos ambientais de cara a garantir a súa viabilidade. Estará dotada con algo máis de 400.000 euros, financiados ao 100%  pola Xunta de Galicia.

Comisión de Pesca e Marisqueo

Outras liñas son as destinadas a proxectos de rexeneración que melloren a produtividade dos bancos marisqueos con problemas de perda de produción e que contribúan á mellora e xestión e conservación dos recursos mariños. Contarán cun investimento de 300.000 euros, un 20% máis que no exercicio anterior. A estas axudas hai que engadir a aportación para proxectos colectivos, cofinanciados nun 70% polo FEMPA e nun 30% pola Xunta para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades sustentables. Dispoñen dun orzamento de 1.750.000 euros, un 223% máis que en 2023, distribuído en dúas anualidades: 1 millón para 2024 e 750.000 para 2025.

Por outra banda, o 30 de xaneiro de 2024 emitiuse unha Resolución de concesión directa de axudas de carácter extraordinario, que foi publicada no DOG o 1 de febreiro deste ano, da que se benefician 52 mariscadores a pé e os 13 buques que cumpren os criterios establecidos para ser perceptores. O 15 de maio, emitiuse outra pola que se regulan as bases e a convocatoria para o ano 2024 das achegas, dotadas con 7,2 millóns, en réxime de concorrencia competitiva ás persoas armadoras e non competitiva ás tripulantes; por paralización temporal da actividade marisqueira nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa dos Lombos do Ulla, o Bohído e Cabío, e nos do Plan de xestión de moluscos bivalvos desde embarcación en zonas de autorización aprobado á Confraría de Pescadores de Noia, de Pontevedra, Lourizán, Raxó, Sanxenxo e Marín, cofinanciadas ao 70% polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.

Chamamento ao apoio do Goberno central

Villaverde instou ao Goberno central a corrixir a súa negativa a axudar ao sector do mar galego, sobre todo ao marisqueo, despois de non tramitar a declaración de zona catastrófica nas rías que permitiría habilitar máis liñas de axudas para compensar as perdas económicas pola mortaldade severa nas poboacións de bivalvos e quen traballe para que a Comisión Europea emita canto antes a tan necesaria  Decisión de Execución que recoñeza a existencia dun acontecemento excepcional cunha profunda perturbación dos mercados que permita abrir a porta a poder aplicar o marco de apoio económico recollido no Fempa ante estes supostos, xa non so ao sector da produción, senón que tamén ao da acuicultura e ao da comercialización.