- A especie promocionouse este xoves dentro dunha campaña de promoción e valorización de especies de baixa demanda.
- Durante o evento repartíronse máis de 600 racións de tapas elaboradas con pota.
A Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4) estivo presente este xoves 5 de setembro na Illa de Ons celebrando o final do verán coa xornada gastronómica ‘Tapa e Pota en Ons’, financiada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMPA).
Durante o evento superáronse as expectativas, pois se repartiron máis de 600 tapas elaboradas con pota para deleitar aos asistentes que acudiron desde diferentes puntos de Galicia, outras rexións de España e Portugal. As tapas, preparadas polo Restaurante Casa Acuña, sorprenderon positivamente a todos os presentes, pois puideron descubrir a versatilidade deste produto do mar cociñado de tres formas diferentes: guiso de pota, bocatín de pota e alioli e empanada de pota. Desde a OPPF4 destácase que se trata dun produto moi versátil, unha proteína mariña de escasa pegada de carbono cun prezo moi razoable para os consumidores e familias.
Ademais da experiencia culinaria, o evento ofreceu unha serie de actividades culturais e de lecer, como a amenización da xornada por parte da Charanga Charandonga e a sesión DJ que alí se celebrou. Ás visitas guiadas, celebradas durante a xornada, asistiron máis de 100 persoas, quen aproveitou para coñecer de preto a tradición cultural e pesqueira da Illa de Ons. Pola súa banda, a navieira Piratas de Nabia ofertou as viaxes á Illa de Ons a un prezo especial desde Vigo, Bueu e Portonovo para animar ao maior número de xente posible a acudir a esta cita gastronómica.
A OPPF-4 agradece a numerosa asistencia do público durante toda a xornada e destaca as expectativas superadas. Desde a organización tamén se agradece a todos os colaboradores que fixeron posible o éxito de ‘Tapa e Pota en Ons’. O evento destacou por fortalecer o compromiso coa sustentabilidade e realzar o valor dos produtos do mar, logrando un gran éxito tanto en termos de participación como de promoción do sector pesqueiro.