O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou este martes na mesa redonda sobre ‘A situación actual do sector pesqueiro e perspectivas de futuro: visión dende Galicia’ que foi organizada pola Federación de Confrarías de Pescadores de Galicia co apoio do Consello Económico e Social (CES) de Galicia e abordou cuestións de candente actualidade para esta actividade esencia e estratéxica para a autonomía. Debateron tamén neste foro Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías; José Antonio Pérez Sieira, titular dos pósitos galegos; e Manuel Pérez Álvarez, presidente do CES Galicia.
A eólica mariña, a protección de especies que afectan á actividade extractiva como os cetáceos, a histórica e desatendida demanda ao Goberno central de que rebaixe o IVE aos produtos do mar ou a solicitude de zona catastrófica ao Estado polo impacto dos temporais do pasado outono no marisqueo foron algúns dos temas abordados, entre outros, durante o construtivo debate na sede da Federación Galega de Confrarías.