A Estratexia da Economía Azul de Galicia encara a súa recta final co obxectivo de poñela en marcha durante a primeira metade de 2024

  • Avánzase cara a validación definitiva do conxunto de medidas que busca que todo o que rodea ao mar sexa un motor de crecemento socioeconómico e ambiental
  • Alfonso Villares destaca a importancia de que este salto se produza por medio dunha transición xusta e sustentable que sexa asumible polo sector marítimo-pesqueiro

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, estivo presente hoxe na reunión de seguimento da Axenda da Economía Azul Sustentable de Galicia na que participaron os membros do seu consello asesor, un encontro no que se presentaron os últimos avances de cara a validación definitiva da estratexia que pretende facer de todo o que rodea o mar na comunidade galega un motor de crecemento socioeconómico e medioambiental, e que no seu cronograma marca como gran obxectivo a súa posta de largo e activación durante o primeira metade de 2024.

O seu obxectivo é deseñar e por en marcha un conxunto de actuacións que propicien un salto económico en Galicia se faga cunha transición xusta e sustentable, asumible polo sector mar-industria e o conxunto da sociedade, que faga fronte aos desafíos ambientais e contribuír a alcanzar os obxectivos determinados pola Comisión Europea para a economía azul: a neutralidade climática e contaminación cero e a descarbonización do transporte marítimo, da actividade pesqueira e marisqueira e dos portos.

Alfonso Villares puxo en valor as aportacións realizadas polos expertos que se conectaron con el a través de Internet nun cumio virtual onde se presentaron as conclusións do proceso de consenso do borrador da Estratexia, presentada en sendas xornadas de traballo cos axentes implicados, tanto da propia Xunta de Galicia como de outros organismos, do ámbito académico e do sector privado. As súas aportacións foron enriquecendo un plan de acción, ademais dun modelo de gobernanza, que se pretende lanzar coa celebración dun Foro Internacional de Rexións Azuis e a través dun ciclo de webinarios que o darán a coñecer entre distintos tipos de públicos.

O conselleiro do Mar, , participa na videoconferencia do grupo de expertos na que se fará seguimento da Axenda da Economía Azul Sustentable de Galicia.

O grupo asesor que se reuniu co titular de Mar constituíuse o pasado 14 de febreiro e está integrado como expertos en mar e pesca por Enrique López Veiga, biólogo e economista que foi entre outros cargos conselleiro de Pesca, funcionario da Dirección Xeral de Pesca da Comisión Europea e Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; e Ernesto Penas, que traballou como biólogo pesqueiro no Instituto Español de Oceanografía e foi tamén funcionario da Dirección Xeral de Pesca da Comisión Europea, responsable da reforma da PPC e director Xeral de Marisqueo, Pesca e Acuicultura da Consellería de Pesca.

En materia de I+D+i, talento e formación cóntase con Emilio Fernández Suárez, catedrático especializado en Ecoloxía Mariña que, entre outras responsabilidades, foi xerente do Programa de Ciencia e Tecnoloxía do Mar do Plan Estatal de Ciencia e Tecnoloxía, director xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta e director do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar. 

En innovación marítima e pesqueira a experta é Annina Bürgin, doutora en Filosofía, Ciencias Políticas e Relacións Internacionais que actualmente é xerente da Fundación-Centro de Innovación de Estudos Xurídicos Marítimos e Pesqueiros (MarInnLeg) e profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais na Uvigo.

Carme Pampín colabora como unha das maiores expertas no campo da biotecnoloxía, pois é doutora en Química Orgánica, vicepresidenta do clúster biotecnolóxico Bioga e CEO da empresa GalChimia. En Innovación e tecnoloxías da información e o coñecemento (TIC) cóntase con Francisco Yáñez Brea, enxeñeiro vinculado á automoción e actualmente preside Dihgigal, o Polo de Innovación para a Dixitalización da Industria de Galicia.

Desde o campo turístico contouse con Jesús Picallo Santos, vicepresidente do Clúster do Turismo de Galicia e presidente da Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía.​ E como experto en patrimonio cultural Óscar Fuertes, doutor arquitecto e Máster en rehabilitación arquitectónica e profesor na Universidade da Coruña que é un dos grandes artífices do Plan da Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030.​

Proceso participativo

Á labor destes expertos súmase nun proceso participativo o de preto de 200 persoas máis que integran os 11 grupos de traballo onde estean representados, coa maior diversidade posible, as actividades más significativas da economía azul: acuicultura, pesca e marisqueo, industria transformadora destes alimentos, biotecnoloxía, enerxías, portos, naval, turismo e patrimonio, I+D+i, talento, seguridade marítima e loita contra a contaminación mariña. Coa aportación coral de todos eles aspírase a que Galicia esprema todo o seu potencial liderando unha economía azul que se calcula xera en Europa un volume de negocio de máis de 650.000 millóns de euros e sostén 4,5 millóns de empregos.