- A DOP Mexillón de Galicia asegura que cada mexillón certificado cumpre con rigorosos estándares de calidade, reflectindo o compromiso cun produto 100 % galego e natural.
A Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia retomou o proceso de certificación portuaria para o mexillón fresco, tras confirmar que o produto alcanzou as calidades óptimas para o seu consumo. Este proceso é fundamental para garantir que o mexillón que leva o selo da DOP cumpre cos estándares de calidade requiridos, e asegura aos consumidores que están a adquirir un produto auténtico, 100 % galego.
O procedemento de certificación implica que o persoal técnico da DOP leve a cabo exhaustivos análise de calidade nas partidas de mexillón destinadas a empresas depuradoras certificadas. Este control esténdese desde a recolección da semente nas costas, pasando polo seu cultivo no mar, ata o seu desembarque nos portos e a súa posterior depuración e transformación. Todo iso co obxectivo de ofrecer un produto que cumpre cos máis altos estándares de calidade.
A DOP Mexillón de Galicia subliña que a produción deste marisco está intimamente ligada aos ciclos naturais que se desenvolven nas rías galegas. Estes ciclos dependen da chegada de nutrientes que alimentan ao mexillón, e poden variar en intensidade e temporalidade cada ano. Este ano, por exemplo, o proceso de certificación adiantouse un mes en comparación con 2023, debido ás condicións naturais favorables.
Para o @Consello Regulador, o selo da DOP non é só unha garantía de orixe, senón tamén un reflexo dun proceso de control rigoroso que infunde confianza nos consumidores. Adquirir mexillón coa etiqueta Mexillón de Galicia significa optar por un produto cun sabor excepcional e propiedades nutritivas que o converten nun elemento crave dunha dieta saudable e equilibrada.