A dirección xeral de Pesca aborda co sector as demandas de Galicia ante o Ministerio para limitar o impacto á frota dos recortes no abadexo

  • Antonio Basanta explicou ao sector que nas alegacións que se presentaron reclámase poder acumular cotas de varias zonas, alén da propia flexibilidade das 8C e 9A
  • Pediuse analizar que se deriven posibilidades de pesca non consumidas desta especie noutras áreas e un axuste dos topes de capturas ao consumo tradicional de cada frota
  • O director xeral avanzou que se está a traballar na xustificación dunha proposta que leve a racionalizar a determinación de TAC e cotas sobre especies que poden ser estranguladoras da actividade pesqueira e non teñen perigo real de colapso das poboacións, como é o caso do abadexo

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, reuniuse na tarde de hoxe na lonxa de Fisterra con representantes do sector pesqueiro para abordar as alegacións presentadas pola Xunta contra os recortes que establece nas súas últimas resolucións a Secretaría Xeral de Pesca (SXP) na pesquería do abadexo, que trasladan a súa vez as restricións impostas a esta especie no pasado Consello de Ministros de Pesca da UE.

Antonio Basanta apuntou que a xa exigua cota fixada para os anos 2024 e 2025 de 70 toneladas para a zona 8C (de Fisterra para arriba e o Cantábrico) reducirase polo rebasamento en 2023 das posibilidades de captura a so 55,7 toneladas. Co obxectivo de limitar o impacto na frota galega, alégase ante o Ministerio que a resolución apunta que, en base á evolución dos consumos, se podería engadir a porcentaxe que se determine da cota de España de zonas como a 9A (de Fisterra cara abaixo), respectando as necesidades da frota autorizada nesas zonas. En 2023 sobraran nesa zona 20 toneladas, e tras o recorte do 53 % para este ano (a 93 t), as posibilidades de capturas quedan nos 113,8 toneladas.

A proposta da Xunta é que se acumulen as cotas das dúas zonas e que se analice se se pode derivar posibilidades de pesca non consumidas de abadexo noutras áreas. 

Sobre os  topes de capturas establecidos polo Goberno central para as zonas 8C e 9 de 10 quilos/buque para o palangre de fondo e de 5 quilos/barco para o resto de modalidades, desde Galicia considérase que non se axusta ao consumo maioritario da cota de abadexo na comunidade, liderada nos últimos 10 anos polas artes menores (1.718,7 toneladas), seguidas polo palangre de fondo (576 t.) e a volanta (355 toneladas). Antonio Basanta sinala que se reclama un axuste á dependencia real de cada frota, dada a fortísima dependencia que se dá nalgúns barcos de artes menores.     

Outro punto no que se coincide co sector é na reclamación de que as resolucións sobre a xestión do abadexo se publiquen con maior celeridade e con data de aplicación a 1 de xaneiro (e non desde que se publican) co fin de evitar situacións de consumo que fagan perigar a planificación ordenada do sector e a consecución do alcance anual da cota.         

Por último, o director xeral avanzou que se está a traballar na xustificación dunha proposta que leve a racionalizar a determinación de TAC e cotas sobre especies que poden ser estranguladoras da actividade pesqueira e non teñen perigo real de colapso das poboacións, como é o caso do abadexo. Neste senso, Basanta sinalou que suxeriran, desde a base de argumentacións técnicas, demandar unha análise dirixida á eliminación de varios TAC, previa proposta de adopción de medidas técnicas de xestión das especies coma o abadexo, consolidando a situación actual do beneficio do axuste do esforzo pesqueiro que sobre as mesmas se veu producindo na última década.