A difusión da extraordinaria calidade dos productos da cadea mar-industria reforzase cunha nova edición das Foodtrucks, incluidas na campaña “Gallicia Sabe amar”

  • Con esta iniciativa perséguese reverter o descenso e o seu impacto dende o punto de vista da saúde e da economía, do consumo de alimentos pesqueiros e acuícolas, así como potenciar o sector e o comercio de proximidade
  • Outros 39 concellos acollerán este mes os catro vehículos que poñen en valor a gran variedade de peixes e mariscos, que saen das lonxas galegas, e as especiais características deses produtos, de máxima frescura e calidade
  • A nova campaña de rutas gastronómicas por Galicia terá unha duración de 20 meses e un orzamento de máis de 1,2 millóns de euros, cofinanciados nun 70% polo FEMPA
  • Na primeira edición, 762 concellos de toda a xeografía galega e parte da española, degustaron algúns dos 791.800 petiscos elaborados a base de produtos certificados do mar e da terra

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presentou este xoves, acompañado do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a nova edición das foodtrucks, incluídas na campaña “Galicia Sabe AMAR”, coas que dende a administración autonómica se dá continuidade ao obxectivo de reforzar a extraordinaria calidade dos produtos da cadea mar-industria, como elementos básicos para a saúde e a e economía que se xera entorno ao sector marítimo-pesqueiro.

Deste xeito, o departamento que dirixe Alfonso Villares, a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e motivados pola gran acollida da primeira edición, desenvolve un novo programa de rutas gastronómicas por Galicia utilizando o mesmo modelo. O contrato ten unha duración de 20 meses e está dotado dun orzamento que supera os 1,2 millóns de euros, cofinanciados nun 70% a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

Este servizo, que arrancou hoxe, inclúe degustacións de alimentos do mar maridados con outros da terra e de condición diferenciada ou marcas de calidade. Tal é así que Ponteceso, Oia, Castro de Rei, Mañón, Ortigueira, Ponteareas, A Pastoriza, O Pino, Oimbra, Boqueixón, O Vicedo, A Estrada, Boborás, Marín, Laxe, Porto do Son, Malpica, Laraxa, Monterroso, Cabanas, Vilanova de Arousa, Avión, Bande, Rábade, Folgoso do Courel, Cabana de Bergantiños, Triacastela, Cervo, Riotorto, A Guarda, Riberia, Poio, Ribadeo, Noia, Sober, Xove, Cospeito, Cariño e Arteixo son outros dos destinos que están pechados para este mes de agosto, e nos que recalarán os catro vehículos que poñen en valor a gran variedade de peixes e mariscos, que saen das máis de 60 lonxas galegas, e as especiais características deses produtos, de máxima frescura e calidade.

As catro foodtrucks seguirán diferentes rutas, centrándose nos principais núcleos urbanos de Galicia, preferentemente en concellos de máis de 1.000 habitantes. Nos lugares de maior poboación e máis demanda cidadá, a furgoneta pode permanecer ata 3 días. O número mínimo de degustacións totais será de 600, no 2024, e 800, no 2025. A campaña está apoiada con distinto material promocional sobre os beneficios que ten para a saúde o consumo de peixe.

E é que, precisamente, un dos obxectivos que se persegue con esta iniciativa é reverter o elevado descenso de inxesta de produtos pesqueiros e acuícolas, co conseguinte risco que isto ten para a cadea alimenticia e tamén para o emprego de rexións, como Galicia, que teñen unha alta dependencia da pesca. 

Por este motivo, a través deste programa, infórmase aos destinatarios sobre a importancia social e económica do sector do mar; ponse en valor a actividade da pesca e o marisqueo en Galicia; promóvese unha xestión sostible dos recursos tanto dende o punto de vista económico, como ambiental e social; e garántese a trazabilidade dos produtos pesqueiros e a súa seguridade alimentaria.

762 concellos e máis de 172.300 quilómetros

As foodtrucks de “Galicia Sabe AMAR” arrancaron cunha presentación o 15 de febreiro de 2023 na praza do Obradoiro de Santiago. Ao acto asistiron, entre outras autoridades, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convertendo así a capital galega no punto de partida das rutas, que visitaron 762 concellos vinculados ao Camiño de Santiago por toda España e achegaron a calidade dos produtos do mar, completando un percorrido de máis de 172.300 quilómetros de ruta en total. O número de   petiscos cociñados dentro das degustacións superou as 791.800.

Nas paradas realizadas, as foodtrucks permaneceron, dependendo do concello,  entre un e tres días, ofrecendo en degustacións de mediodía e tarde algún dos 10 petiscos elaborados con produtos certificados do mar e da terra de Galicia, como son o berberecho de Noia, o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou os peixes e mariscos co selo de identidade e calidade para a promoción e defensa dos nosos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal galega, “pescadeRías de onde se non?”. Xunto con eles presentáronse outros produtos da terra con selos de calidade diferenciada, como as fabas de Lourenzá, o mel de Galicia, os pementos de Arnoia e Herbón, os queixos de Arzúa-Ulloa ou O Cebreiro, o pan de Cea ou as patacas. A primeira das catro rutas gastronómicas partiu de Santiago de Compostela e rematou en Irún, tras percorrer cidades como A Coruña, Ferrol, Xixón, Santander, Bilbao e San Sebastián. Ferrol, Lugo, León, Astorga, Burgos, Logroño, Pamplona, Pontevedra, Vigo, Ourense, Zamora, Salamanca, Cáceres, Mérida, Sevilla, Valladolid, Segovia, Madrid, Toledo, Albacete e Valencia foron os outros destinos dos tres itinerarios restantes.