O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, enxalzou á confraría de pescadores ferrolá por referendar a súa aposta gastronómica polos produtos que veñen da ría de Ferrol coa celebración da II Festa do Marisco. Destacou o representante da Xunta como proba do dinamismo e da vontade do pósito de poñer en valor o traballo dos seus socios, facendo partícipe ao conxunto dos seus veciños e a sociedade en xeral das vieiras que recollen, así como da calidade de percebes, ameixas, mexillóns ou navallas a degustar nesta cita da Semana Santa.
Esta celebración gastronómica aséntase nunhas datas onde a festividade relixiosa atrae a multitude de visitantes á cidade departamental, converténdose nun atractivo máis que ven a demostrar o tirón entre o turismo que exerce unha boa proposta culinaria a base de peixes e mariscos. Alfonso Villares enxalzou a calidade destes alimentos e o seu sabor, que permite desfrutar na mesa sen saltarse a vixilia mentres se promociona a pesca e o marisqueo, como fan as estratexias AMAR GALICIA e GALICIA SABE AMAR coas que a xunta pretende incrementar o consumo destes produtos do mar.