A armadora do Sen Querer Dúas multada con 24.585 euros por infraccións laborais

  • O pesqueiro, con base en Portonovo, afundiuse o 19 de decembro do 2018 fronte a Cabo Fisterra. Morreron tres mariñeiros e un cuarto segue desaparecido, todos veciños de Cambados.

O 19 de decembro do 2018 marcou unha traxedia en Cambados. Ás dúas da tarde, o pesqueiro Sen Querer Dous afundiuse a só catro millas ao sur de Cabo Fisterra mentres navegaba cara ao seu porto basee en Portonovo. No desastre faleceron tres mariñeiros, e un cuarto permanece desaparecido. Todos eles eran veciños de Cambados. A causa do afundimento foi “unha gran escora” debido ao forte temporal na Costa da Morte. O barco non levaba carga, pero enchera os depósitos con 16 toneladas de combustible.

Desde ese tráxico evento, a armadora do pesqueiro enfrontou varios litixios. O máis recente derivouse dun expediente aberto pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. En novembro de 2021, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) revelou que Inspección de Traballo iniciara unha acta administrativa por supostas infraccións en seguridade e saúde laboral. A pesar de que a sentenza confirmaba que a empresa cumpría coa normativa de prevención de riscos laborais en canto a xestión e planificación, a Xunta propuxo unha sanción de 24.585 euros por unha “infracción grave”.

(Alfombra de homenaxe as víctimas do Sin Querer Dous nas festas do Carmen de Cambados)

A propietaria do Sen Querer Dous solicitou ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Corcubión a suspensión do pago desta multa, petición que foi aceptada mentres se resolvían o expediente e as alegacións da compañía. En novembro de 2022, o xulgado de Corcubión confirmou a acta de infracción e ratificou a multa de 24.585 euros imposta pola Xunta.

A armadora recorreu ante a Sala do social do TSXG, alegando a violación do principio de presunción de inocencia, xa que a Administración admitía que a empresa cumpría coa normativa de prevención de riscos laborais e que os tripulantes tiñan a “formación específica correspondente”. Tamén argumentaron que as probas presentadas no procedemento non se axustaban a dereito.

Con todo, nunha sentenza publicada o 25 de abril, o TSXG confirmou a decisión do xulgado de Corcubión e ratificou a multa imposta pola Xunta. Os maxistrados consideraron que a armadora “pretende substituír a valoración da proba imparcial e desinteresada do xulgador pola comprensible interesada da parte”. Contra esta decisión, aínda cabe interpoñer recurso de casación #ante o Tribunal Supremo.

Este non foi o único revés para a compañía pontevedresa desde o afundimento do Sen Querer Dous. Hai un ano, o Xulgado do Social 4 de Pontevedra embargou bens da empresa para cumprir unha sentenza condenatoria relacionada cunha reclamación das familias das vítimas por cantidades debidas en concepto de descansos e vacacións. En total, debíanse 8.000 euros dun total de 15.000, máis un 10% de interese. Ademais, o xulgado ratificou unha sanción administrativa por exceso de peso do aparello.