- Trátase de aumentar o peso desta cadea no conxunto da economía galega, mellorar a competitividade nos mercados internacionais e consolidar a súa posición de liderado, ademais da súa capacidade produtiva e todo o emprego que leva a asociado
- Co fin de consolidar o sector, Villares pon en valor a xestión do Goberno galego con iniciativas como a Lei do litoral que dá seguridade xurídica á cadea mar-industria e afea a falta de altura de miras do Goberno ao seguir sen rebaixar o IVE do peixe
- Con 7 de cada 10 quilos expedidos, Galicia é a principal comunidade exportadora de España; un sector que agrupa a preto de 260 empresas, que facturan máis de 12.000 millóns de euros e dan emprego a 26.300 persoas no territorio galego
A industria conserveira está a ser unha aposta irrenunciable para a Xunta de Galicia. Proba delo, e que nos últimos catro anos, a administración autonómica leva destinados ao seu impulso 135 millóns de euros. Este esforzo inversor é posible grazas ao Plan Estratéxico da Industria Conserveira Galega Horizonte 2020 e, na actualidade, ao Plan Estratéxico 2022-2030, encargado polo Consellería ao Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e realizado en colaboración coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos, Anfaco-Cecopesca.
Trátase de dúas iniciativas, cofinanciadas a través do FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca) e do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura), coas que se pretende aumentar o peso desta cadea no conxunto da economía galega, mellorar a competitividade nos mercados internacionais e consolidar a súa posición de liderado, ademais da súa capacidade produtiva e todo o emprego que leva a asociado.
Así o trasladou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, durante da clausura da xornada Galicia distrito industrial con sabor a mar, organizada pola Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos de A Pobra do Caramiñal, e na que expertos do sector explicaron o percorrido do peixe desde que se captura no mar ata que se converte en conserva.
Consolidación do sector
Galicia é hoxe a principal comunidade autónoma que exporta produtos de pesca, acuicultura e os seus transformados, xa que, a excepción do peixe seco, salgado/salmoira e afumado, envía ao exterior máis do 30% do volume total. No eido das exportacións de preparacións e conservas do mar, supón máis do 75% da produción e o 70% da facturación. É dicir, 7 de cada 10 quilos exportados por España saen do territorio galego, cos países europeos como principais mercados. Por tanto, somos a comunidade que ten máis relevancia no territorio nacional tanto polo número de empresas, produción, facturación e exportación, como en postos de traballo creados.
Este sector agrupa a preto de 260 empresas, que facturan máis de 12.000 millóns de euros e dan emprego a 26.300 persoas, representando así o 5,5% da industria alimentaria española, pois aporta máis do 90% da produción nacional e o 70% da facturación e da oferta laboral.
Para seguir consolidándoo, Alfonso Villares destacou a importancia de seguir artellando medidas que estimulen o consumo interno e as previsións de crecemento da economía pesqueira. E isto pasa, sinalou, por escoitar ao sector e, por tanto, porque as administracións con competencias na materia, como é o Goberno central, dean respostas ás necesidades. Unha delas é a rebaixa tributaria dos alimentos básicos e a consideración da carne, o peixe e as súas conservas como produtos de primeira necesidade, pero que, a día de hoxe, aínda non obtivo o visto e prace do Executivo estatal.
Por outra banda, tal e como sinalou, é importante dar seguridade xurídica á cadea mar-industria, co fin de asegurar a continuidade da súa actividade e de atraer novos investimentos produtivos. Este contexto foi o que levou á administración autonómica a aprobar a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, converténdoa na primeira comunidade que regula a franxa costeira en toda a súa extensión, que identifica os usos e as actividades estratéxicas na cosa e faculta que se poidan levar a cabo de forma sostible e con plena seguridade lexislativa.